01. A fragmentación do mundo antigo

Europa a mediados do século VII
No comezo da Idade Media, tres grandes civilizacións repartíronse as terras do antigo Imperio romano.
A parte oriental do Imperio, ao que chamamos Bizancio, logrou sobrevivir e, logo da caída de Roma, as insignias imperiais foron enviadas a Constantinopla nun acto simbólico.
Na zona occidental establecéronse numerosos reinos xermánicos, como os suevos e os visigodos, que acabaron adoptando a tradición romana e a relixión cristiá e que lle deron orixe á Europa feudal.
Por último, o Islam, unha nova relixión aparecida en Arabia no século VII, espallouse por toda a franxa costeira do sur do Mediterráneo, a Península Ibérica e Oriente Medio.








